Friday 19 de April de 2024

Carolina Iglesias, a cómica e presentadora de ‘Estirando el chicle’, será a encargada de dar o pregón das Festas de María Pita


A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou hoxe a identidade da pregoneira, que está considerada como a voz millenial de toda unha xeración, con máis de 300.000 seguidores en Instagram e gañadora dun premio Ondas polo seu podcast

A lectura do pregón terá lugar o luns, 1 de agosto, desde o balcón do Palacio de María Pita e a continuación comezará, a partir das 22.00 horas, o concerto de James Blunt

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou hoxe que a encargada de dar o pregón das Festas de María Pita este ano será a cómica, presentadora e creadora de contidos Carolina Iglesias. Máis coñecida en redes sociais como ‘Percebes y Grelos’, esta todoterreo millenial está a poñer voz a toda unha xeración a través do programa ‘Estirando el chicle’ (o podcast máis escoitado do país), da creación de contidos en Youtube, (con máis de 160.000 suscriptores), ou Instagram, onde a seguen máis de 300.000 persoas.

A propia Carolina Iglesias expresaba a súa ledicia en redes sociais, coa frase “Darei o pregón das festas de María Pita. Imposible explicar á Carolina cativa de 12 anos. Na miña terra e na miña casa”. A lectura do pregón terá lugar desde o balcón do Palacio de María Pita o luns 1 de agosto ás 21.00 horas. A continuación desenvolverase, a partir das 22.00 horas, o concerto do cantautor británico James Blunt, primeiro da serie de 16 recitais de pop, rock e música clásica que acollerá a praza durante o mes de agosto.

Carolina Iglesias naceu en 1993 na localidade de Santa Cruz, no municipio de Oleiros (A Coruña). Xa desde nena amosou as súas dotes para a comedia e a comunicación. Foi a cómica máis nova en facer un monólogo para Paramount Comedy, con só 18 anos.

Ademais colaborou e presentou ‘Vodafone Yu’ de ‘Los 40’ durante máis de tres temporadas, o chat de ‘Operación Triunfo’ en 2017 y 2018 e foi colaboradora en Zapeando, Comedy Central e en ‘Lo Siguiente’. Como actriz participou en series como ‘Validas’, de produción propia; ‘Luimelia’, ‘Paquita Salas’ ou ‘Antes de Perder’.

Carolina Iglesias vén de triunfar coa gran revelación do universo podcast, ‘Estirando el chicle’, xunto a Victoria Martín. Ambas comezaron a gravalo desde as súas casas en pleno confinamento e hoxe contan xa cun premio Ondas en recoñecemento a “un programa rompedor na linguaxe e o enfoque que mestura humor, entrevistas e contidos sociais sen prexuízos”. Actualmente tamén presenta o programa de entrevistas ‘Una Caña Con’, que xa vai pola súa terceira tempada e é colaboradora da Cadena SER e de RNE.

Tamén o ano pasado Carolina Iglesias foi galardoada co premio ‘Elisa y Marcela’ pola Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual da Coruña (ALAS) pola súa defensa dos dereitos do colectivo LGTBI, sendo a persoa máis nova en recibir esta distinción.
“Feminista a rabiar”, segundo se define, fan do cantante Raphael e do presentador Ramón García e adicta a Eurovisión, no seu perfil de Instagram Carolina Iglesias declárase “galega” e confesa que o que máis lle gusta, ademais de escribir, é facer rir.